luns, 30 de abril de 2012

DESENLACE DA FASE DE ASCENSO A LIGA FEV:

O Náutico remata 3º no playoff de ascenso á liga FEV
Na mañá de onte domingo baixábase o telón da fase de ascenso á liga FEV onde os nosos rapaces do Náutico Boiro Voleibol remataban finalmente na 3ª posición. Tras caer no tie-break na 1ª xornada do sábado ante os alacantinos do Santa Pola agardaba pola tarde o derbi autonómico entre boirenses e ferrolanos. A expectación creada entorno a este partido era máxima e quedaba demostrado no aspecto do Municipal de San Sadurniño momentos antes do comezo do choque. Os nosos comezaban mellor e conseguían anotarse o primeiro set empuxados polos afeccionados boirenses desplazasos ata San Saduniño (charanga incluída). Os de Eloy Mahía empatarían o encontro  no segundo apoiados polos seus siareiros e poñendo a emoción por todo o alto. No terceiro xogo os boirenses estiveron máis finos, e gracias ó bo facer en servicio e bloqueo-defensa situábanse por diante de novo no luminoso. No cuarto o Náutico seguía mandando na pista chegando a situarse 4 puntos por riba no tanteador e mostrando unhas sensacións moi boas. A mediados de set, e tras un parón facilitado polos árbitros, os de Emilio Palacio perderon o ritmo do encontro e os locais empataban o derbi nun final de infarto. No tie-break os ferrolanos foron superiores. O Náutico non soubo superar o baixón de finais do cuarto set e cedía o seu segundo encontro neste playoff de ascenso que, para ledicia do Intasa, significaba o seu 1º posto matemático. Deste xeito o encontro ante o CV Melilla xa non era máis que un trámite para ámbolos dous conxuntos. Emilio Palacio rotaba a tódolos seus xogadores pero o cansancio do intensísimo encontro dunhas horas antes pasaba factura e os nosos caían por 3-1. Parabéns ó Intasa San Sadurniño, logro ben merecido e traballado.

sábado, 28 de abril de 2012

CHEGA O PRIMEIRO TROPEZO NA FASE DE ASCENSO:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 2-3 C.V. SANTA POLA
(20-25, 25-21, 20-25, 25-23, 8-15)-(Playoff de ascenco á liga FEV)
O Náutico cede no tie-break ante o campión do grupo B
Vibrante e emocionante encontro o vivido esta mañá no Municipal de San Sadurniño entre dous grandes equipos. O Náutico, flamante campión do grupo A da 1ª División Nacional medíase ó campión do grupo B, O CV Santa Pola. Foi un encontro no que ambos equipos querían, mediante o servicio, inquedar á recepción contraria para dificultar a construcción. Os alacantinos mostraban as súas mellores armas na primeira manga. Un potente servicio e unha defensa moi ben amueblada gracias a un alto bloqueo condicionaban o arranque dos boirenses, que pereceron neste primeiro xogo. No segundo as tornas cambiaban. Agora eran os nosos os que dificultaban a construcción do equipo rival. Mantendo un alto nivel de bloqueo-defensa os de Emilio Palacio anotábanse o parcial e empataban o encontro. O terceiro set era un calco do primeiro, e o cuarto unha copia exacta do segundo demostrando así a igualdade vista neste partido. Chegados ó tie-break os erros condenaban ó noso primeiro equipo. Un mal comezo debido a fallos de recepción, servicio e ataque impedía que chegara a terceira vitoria neste playoff de ascenso. Deste xeito e tras a xornada da mañá os nosos sitúanse na 2ª posición por detrás do rival na tarde de hoxe a partires das 20:30h, o Intasa San Sadurniño.

venres, 27 de abril de 2012

BOAS NOVAS DENDE SAN SADURNIÑO, 2 DE 2:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 CN SABADELL
(25, 17, 25-23, 13-25, 25-15)-(Playoff de ascenso á liga FEV)
Traballada vitoria do Náutico ante CN Sabadell
Segunda vitoria do primeiro equipo masculino do Boiro Voleibol nesta fase de ascenso á liga FEV masculina superando ó combativo subcampión do grupo B, o C.N. Sabadell. Unha vez máis o servicio boirense marcou as diferencias no Municipal de San Sadurniño. As excelentes xeiras do colocador Iván Souto, do oposto Narciso Abalo e do receptor Cristóbal Álvarez poñían en disposición ó Náutico de anotarse o primeiro parcial con solvencia e cunhas sensacións moi boas de cara o resto do encontro. Durante o segundo parcial o C.N. Sabadell mellorou moito o seu nivel de recepción, o que mantivo operativos ós seus potentes centrais poñendo en apretos o complexo bloqueo-defensa dos nosos. A igualdade mantívose ata os últimos puntos, onde a vitoria parcial chegaba gracias a unha contundente acción en bloqueo da dupla  Emilio Palacio e Narciso Abalo. No terceiro a intensidade dos barbanzanos viuse afectada. Os xogadores cataláns sufrían un punto de inflexión motivado polo baixón do Náutico e de contado conseguían distanciarse no luminoso. A pesares dunha última intentona de remontada, non era posible xa que a renda era demasiado ampla. No cuarto set as sensacións iniciais volvían. Solidez en contraataque gracias a un potente servicio, máxima eficacia en ataque de Emilio Palacio no posto de central e intensidade defensiva traducíanse na vitoria dos nosos para seguir invictos na competición.

DEBUT CON VITORIA NA FASE DE ASCENSO A LIGA FEV:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-1 AD VOLEIBOL ALMENDRALEJO
(25-22, 25-20, 23-25, 25-17)-(Playoff de ascenso a liga FEV)
O Náutico doblega ó campión do grupo B
Comeza con vitoria a andaina do noso primeiro equipo masculino neste playoff de ascenso á liga FEV nacional ante o campión do grupo C da 1ª división, a AD Voleibol Almendralejo. Dende o comezo o potente servicio boirense condicionaba a recepción almendralejense e permitía un correcto posicionamento da defensa barbanzana. Esta situación traducíase en dominio do Náutico no luminoso a base da culminación de puntos en contraataque. Así foi a historia das dúas primeiras mangas, pechadas ó noso favor e onde se viu unha intensidade óptima por parte dos rapaces de Emilio Palacio. No terceiro os nosos baixaron unha marcha, permitindo ó contrario obter unha renda que parecía insalvable, pero que non o era. Tras un tempo morto, os nosos conxurábanse para remontar unha situación parcial adversa (15-8) e quedaron ás portas de conseguilo. Tras conseguir igualar o set a 23, dous erros condeaban ó Náutico e poñían no tanteador xeral o 2-1. No cuarto o equipo recuperaba o espíritu combativo e comezou de novo a xogar con personalidade. De contado se disparaban no marcador e conseguían anotarse o sempre complicado debut nunha competición deste estilo e na que existe un nivel tan parexo entre os equipos participantes. Agora toca recuperar forzas e a partires das 16:30h medirse ó CN Sabadell.

martes, 24 de abril de 2012

¿AÍNDA NON RESERVACHES A TÚA PRAZA NO AUTOCAR DA FASE DE ASCENSO?

Xa falta pouco. O Náutico Boiro Voleibol ultima preparativos e sácalle punta ós derradeiros detalles antes de partir cara a competición para a que leva traballando moi duro toda a tempada, a fase de ascenso á liga FEV que comeza o vindeiro venres 27 e na que competirán toda a fin de semana os mellores equipos de España desta 1ª División Nacional masculina. Se queres alentalos na xornada do sábado recorda que o Boiro Voleibol obséquiate cun autocar que viaxará a San Sadurniño con cantos máis siareiros mellor. Para máis información ponte en contacto con Emilio no 687235416 e reserva a túa praza para poder así, disfrutar do teu equipo nesta cita histórica para o club. Ánimo, non pode faltar ninguén!

luns, 23 de abril de 2012

RESULTADOS DO 21 E 22 DE ABRIL:

O SECRETO BOIRO VB. 3-2 VOLEYOURENSE.ES
(25-14, 25-20, 10-25, 19-25, 15-7)-(1ª fase da Copa Xunta de Galicia Feminina)
O Secreto salva, no tie-break, un encontro tolo
Vitoria pola mínima do primeiro equipo feminino nesta 1ª fase da Copa Xunta de Galicia ante o Voleyourense.es para seguir adiante nesta competición. Foi un encontro raro, marcado polos altibaixos de ámbolos dous equipos e onde o preparador local, Narciso Abalo, probou diversas variacións no esquema de O Secreto dando entrada a xogadoras novas como Sheila Outeiral no posto de líbero ou Alejandra Galbán como central. O menor número de erros non forzados daban a vitoria ás nosas nos dous primeiros sets. A partires deste momento a situación daba un xiro inesperado de 180º para situar o empate no luminoso. As ourensás aproveitábanse do desconcerto local no 3º e 4º set, onde a deficiente recepción condeaba ás boirenses a decidir o futuro do equipo na Copa no tie-break. Chegado a este momento as xogadoras veteranas tomaron a iniciativa para tentar non pasar apuros a final de set e así foi. Por O Secreto Boiro Voleibol xogaron: Sandra Lojo, Carla Castro, Alejandra Galbán, Katy Sampedro, María Triñanes, Rebeca González e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas estaban Sara Bugallo, Ana Bugallo, Melissa Novoa e Elena García.

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB. 3-0 VOLEIBOL DUMBRÍA
(25-14, 27-25, 25-16)-(Promoción á Liga Galega Cadete Feminina)
As cadetes dan un importante paso de cara o ascenso
Vitoria en tres sets das rapazas que dirixe Emilio Palacio neste encontro de ida da promoción de ascenso á liga galega cadete feminina. A pesar da dificultade que, a priori, tiña o encontro polo feito de medirse a un equipo que competía ata agora na liga autonómica as nosas mostraron un xogo sen fisuras e con constancia durante todo o encontro. Unha vez máis o eficaz servicio do Ingeniería Trazos facía dano na recepción do equipo rival que tan só no 2º parcial podía poñer en apretos ás locais da man do ataque dunha das súas receptoras. O resto do encontro foi un monólogo boirense. A incomodidade das visitantes na construcción facía que a defensa local se posicionara con solvencia para dar opcións de contraataque ás xogadoras de banda boirenses. Cabe destacar tamén a aportación das centrais Alejandra Galbán e Antía Sampedro que semana tras semana melloran o seu rendemento para ledicia das súas compañeiras e dos siareiros da Cachada. Deste xeito consigue o noso equipo cadete feminino unha importante renda de cara o partido de volta no que, a pesares de non escapar da vitoria, un set sería válido para a clasificación. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Antía Sampedro, Alejandra Galbán, Ana Bugallo, Melissa Novoa e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Claudia Pinaque, Lea Gatbache, Isabel Gómez e Sandra Fernández

mércores, 18 de abril de 2012

CANCHA JÚNIOR CO VOLEIBOL GALEGO (MINUTO 18:25):

Disfrutade deste programa especial de "Cancha Júnior" coas seleccións galegas de voleibol nas que hai representación de xogadores boirenses nunha das súas concentracións previas ó Cpto. de España de Seleccións Autónomas 2012 a partires do minuto 18:25. Non vos perdades o apartado infantil feminino onde hai unha entrevista a Ana Bugallo.

ENCONTROS DO 21 E 22 DE ABRIL:

NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL - INTASA SAN SADURNIÑO
(Sábado 21, 11:00h, A Cachada)-(Amigable de preparación do playoff de ascenso a FEV)


O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - VOLEYOURENSE.ES
(Sábado 21, 17:30h, A Cachada)-(Copa Xunta de Galicia feminina)

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB - VOLEIBOL DUMBRÍA
(Domingo 22, 11:30h, A Cachada)-(Promoción de ascenso á liga galega cadete feminina)


INTASA SAN SADURNIÑO - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(Domingo 22, 17:30h, PM San Sadurniño)-(Amigable de preparación do playoff de ascenso a FEV)

luns, 16 de abril de 2012

EMMA E ANA, SUBCAMPIONAS DE ESPAÑA COA SELECCIÓN GALEGA INFANTIL:

Emma e Ana, medalla de prata no CESA 2012 en Lloret de Mar
O Boiro Voleibol está de noraboa. Dúas rapazas da canteira do noso club acaban de alzarse coa medalla de prata no Cpto. de España de seleccións autónomas disputado entre o 10 e o 14 de abril en Lloret de Mar xunto coas súas compañeiras da selección galega infantil feminina. Despois de superar ó combinado andaluz en semifinais por 3-1 as nosas agardaban á selección anfitriona na gran final, Cataluña. No inicio deste choque as nosas mandaban, tanto que conseguirían anotarse o primeiro parcial por un contundente 17-25. A partires de aquí a igualdade foi máxima e as locais anotábanse o segundo e terceiro set por un axustado 25-23 para colocarse por diante no tanteador. No cuarto as nosas xa non puideron coa adversidade e o resultado foi de 25-16 para pechar o encontro por 3-1. Cabe destacar a excelente aportación ofensiva de Ana Bugallo, que con 14 puntos convertiuse na máxima artilleira do encontro xunto coa catalana A.Walsh que conseguiu os mesmos números. Cabe destacar tamén que a selección galega cadete masculina, onde formaban os boirenses Fran Dieste e Ismael Martínez acadaron un meritorio 5º posto no torneo.

venres, 13 de abril de 2012

EMMA ORDÓÑEZ E ANA BUGALLO NAS SEMIFINAIS DO CPTO. DE ESPAÑA:

As nosas estarán nas semifinais do Cpto. de España
Sorte dispar para as seleccións galegas con representación boirense nos seus partidos de 1/4 de final do Cpto. de España por autonomías que se está celebrando en Lloret de Mar (Xirona). O punto negativo da xornada do xoves poñíano os rapaces do combinado cadete masculino onde forman Fran Dieste e Ismael Martínez, que tras unha dura loita e unha imaxe excelente cederon no tie-break do seu encontro ante C.Valenciana (15-17). Os de Eloy Mahía competirán agora polos postos do 5º ó 8º ás 13:00h de hoxe ante a selección de Castela e León. Pola contra, a nota positiva traíana da man as rapazas da selección galega infantil feminina onde podemos ver ás boirenses Emma Ordóñez e Ana Bugallo. As de Rodolfo Lago disputarán as semifinais esta tarde (19:00h) ante o potente combinado de Andalucía tras derrotar en 1/4 a Asturias por 1-3 cunha actuación destacadísima de Ana Bugallo, que conseguíu un total de 20 puntos. Recordade que podedes consultar os marcadores en directo.

xoves, 12 de abril de 2012

1/4 DE FINAL DO CAMPIONATO DE ESPAÑA POR AUTONOMÍAS:

Selección Galega cadete masculina 2011-2012
Os combinados galegos con representación de xogadores do Boiro Voleibol xa se atopan nos cuartos de final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. O combinado cadete masculino onde militan Ismael Martínez e Fran Dieste accede a esta ronda tras clasificarse no 3º posto do seu grupo, no que cedeu ante Canarias (3-2) e Andalucía (3-0) e doblegou a I.Baleares (3-0). Por outra parte, o equipo infantil feminino de Galicia onde podemos ver ás boirenses Ana Bugallo e Emma Ordóñez, chega ós 1/4 de final tamén como 3º de grupo no que caeron con Andalucía (3-0) e C.Valenciana (3-1) e onde gañaron a I.Baleares (3-0). No día de hoxe ambos combinados disputarán os seus respectivos choques buscando as semifinais do campionato estatal. Eles xogaran ante a C.Valenciana ás 19:00h e elas ante Asturias ás 18:00h. Aquí podedes seguir en directo os marcadores de 1/4 de final.

mércores, 4 de abril de 2012

¿QUERES APOIAR ÓS TEUS NA FASE DE ASCENSO A FEV?

Dende a xunta directiva do clube queremos facilitar o desprazamento de todo aquel siareiro que queira presenciar os encontros do Náutico Boiro Vb. na fase de ascenso a liga FEV que se disputará en San Sadurniño os vindeiros 27, 28 e 29 de abril. A iniciativa xurde maiormente para presenciar os partidos da xornada do sábado 28 ante o CV Santa Pola (11:00h) e os anfitrións do Intasa San Sadurniño (20:30h). En función das necesidades da maioría de interesados contratarase o autocar para presenciar a xornada de mañá, a xornada de tarde ou a xornada completa si así se desexase. A decisión é vosa. Para confirmar a asistencia ou consultar calquera tipo de dúbida debedes poñervos en contacto co responsable desta iniciativa, Emilio Palacio (687235416). Animádevos e poñédevos en contacto con nós canto antes para que a organización sexa máis cómoda para todos.

Reserva asento no autocar chamando a Emilio, ¡prazas limitadas!

martes, 3 de abril de 2012

CALENDARIO DA COMPETICIÓN DA FASE DE ASCENSO A LIGA FEV:

Hoxe, martes 3 de abril, levouse a cabo o sorteo do calendario de competición do playoff de ascenso a liga FEV masculina no que o noso primeiro equipo, o Náutico Boiro Voleibol, disputará o ascenso de categoría os vindeiros 27, 28 e 29 de abril en San Sadurniño. O cadro de competición quedou da seguinte maneira:

domingo, 1 de abril de 2012

VITORIA BOIRENSE NA PROMOCIÓN DE ASCENSO:

FISIOTERAPIA CINESIA NOIA 0-3 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB
(13-25, 22-25, 20-25)-(Semifinal do torneo de ascenso á liga galega cadete feminina)
Ingeniería Trazos Boiro Voleibol 2011-2012
Vitoria en tres sets das rapazas que dirixe Emilio Palacio ante o líder da competición regular provincial feminina, que lles permitirá disputar a gran final da promoción de ascenso á liga galega hoxe domingo ás 19:00h no PM de Rianxo. A regularidade no servicio das boirenses marcaban a diferencia nos intres iniciais do encontro, impedindo a construcción noiesa en todo momento. A orde e a correcta asignación de roles no xogo do Ingeniería Trazos ensinaba o camiño da vitoria parcial na primeira manga. As sensacións persistían ó longo do segundo set. A recepción noiesa non podía facer fronte ó excelente saque das nosas, que unha e outra vez puntuaban repetidamente en cada rotación. Esta faceta, sumada ó tino en ataque das receptoras Ana Bugallo e Melissa Novoa poñían a directa para situarse cun favorable 0-2 no tanteador xeral. No terceiro set o Fisioterapia Cinesia mellorou froito dos erros das boirenses. Tras errar os saques en 4 rotacións consecutivas as de Emilio Palacio chegaban ó ecuador do xogo 2-3 puntos por debaixo. Foi Emma Ordóñez, quen dende a liña de saque, poñía de novo ás súas por diante. De novo os ánimos das boirenses aumentaban e pasiño a pasiño distanciábanse definitivamente no luminoso para pechar con vitoria esta semifinal. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Alejandra Galbán, Antía Sampedro, Melissa Novoa, Ana Bugallo e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Claudia Pinaque, Sara Lojo, Ángela Alves e Isabel Gómez.
INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VB 3-0 CV PONTEVEDRA
(25-22, 25-14, 26-24)-(Final do torneo de ascenso á liga galega cadete feminina)
A defensa e contraataque, chaves na vitoria das cadetes 
Vitoria do equipo cadete feminino na gran final deste torneo de ascenso á liga galega ante o CV Pontevedra. Tal triunfo permite avanzar un escalón máis ás de Emilio Palacio na loita polo ascenso, do que as separa únicamente unha eliminatoria a doble partido os vindeiros 21 e 27 de abril ante o Voleibol Dumbría. Comezaba o encontro no PM de Rianxo coas boirenses atinadas dende a liña de saque. Gracias a esto de contado se situaban 7 puntos por diante no marcador mantendo un nivel de defensa e  contraataque máis que aceptable. O desenlcace desta primeira manga non podía ser outro que o de vitoria do Ingeniería Trazos. Semellante situación se vivía no inicio do segundo set. As boirenses colleitaban nos intres iniciais unha renda de 10 puntos que as pontevedresas non poderían contrarrestar. A entrada de Ángela Alves e Isa Gómez por Ana Bugallo e Melissa Novoa non provocou variación no nivel das boirenses que pechaban o parcial para sutuarse 2-0 na final. No inicio de terceiro o encontro sufriría un cambio de panorama. As pontevedresas reaccionaban á situación adversa con servicios que danaban a recepción boirense e lles impedía ás nosas construír xogadas con soltura. A entrada de Claudia Pinaque nos momentos decisivos da manga cunha desvantaxe de 3 puntos sería o punto de inflexión que o Ingeniería Trazos estaba buscando. A golpe de saques a nova xogadora boirense completaría a súa rotación para achegar ás súas no luminoso e incluso situalas un punto por riba. Isto cargou de moral ás de Emilio Palacio que mostrando a cara do inicio do encontro pecharía o set e o encontro cun 3-0. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogaron: Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Antía Sampedro, Alejandra Galbán, Ana Bugallo, Melissa Novoa e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Claudia Pinaque, Isabel Gómez e Ángela Alves.