mércores, 28 de novembro de 2012

ESTA FIN DE SEMANA VIAXES A OURENSE E A BURGOS. ¡A POLO PLENO!

SÁBADO 1:

BURGAS VOLEI - REYCA BOIRO VOLEIBOL
(9:30h, Paco Paz)-(Liga galega infantil masculina)

BURGAS VOLEI - TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(11:30h, Paco Paz)-(Liga galega xuvenil masculina)

BURGAS VOLEI - REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(16:30h, Paco Paz)-(2ª División autonómica masculina)

UNIVERSIDADE DE BURGOS - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(18:15h, Polideportivo Universitario)-(1ª División nacional masculina)

DOMINGO 2:

AD A PINGUELA - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(10:45h, PM A Pinguela)-(Liga galega cadete feminina)

AD A PINGUELA - NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(12:15h, PM A Pinguela)-(Liga galega infantil feminina)

AGRUPACIÓN DEPORTIVA A PINGUELA - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(12:15h, PM A Pinguela)-(Liga galega xuvenil feminina)

sábado, 24 de novembro de 2012

O XUVENIL TEIS VIGUÉS ARRANCA 5 VITORIAS DO MUNICIPAL DE BARRAÑA:

NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL 0-3 XUVENIL TEIS
(12-25, 19-25, 10-25)-(Liga galega infantil feminina)

A condensación no PM de Barraña fixo perigar a xornada
Arrancaba mal o maratón de encontros ante o Xuvenil Teis con este tropezo do infantil feminino por 0-3. As pésimas condicións da pista do Municipal de Barraña a primeira hora do sábado poñia en serio perigo a celebración deste e de tódolos encontros. A condensación no firme convertía a cancha nunha auténtica pista de patinaxe na que o protagonista, por esta vez, non era o voleibol. O servicio visitante foi moi superior á recepción do Navales Chicolino que, ante a baixa de Emma Ordóñez construía o seu xogo como ben podía. A ordeada defensa viguesa respondía ós ataques locais con contras de calidade e pouco ou nada podían facer as nosas por mudar a situación. No derradeiro set a apatía apoderouse do ánimo das nosas que vía como marchaban os dous puntos cara o sur de Galicia. Polo Navales Chicolino xogaron: Irea, Laura Olveira, Lea, Lía, Paula e Marta. Tamén xogaron Luciana, Celia e Ada.

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 0-3 XUVENIL TEIS
(18-25, 14-25, 7-25)-(Liga galega cadete feminina)

A recepción boirista tivo un difícil exame na mañá do sábado
Clara derrota en tres sets do equipo cadete feminino sufrindo na mañá do sábado a dureza dun servicio olívico que sería clave para o triunfo visitante. Xa desde o comezo do choque a construcción se antollaba complicada, tendo a colocadora local Claudia Pinaque que percorrer moitos metros para reciclar as recepcións que lle chegaban. Deste xeito, as mellores armas do ataque boirense perdían gran parte do seu potencial xa que as condicións nas que impactaban co balón eran deficientes. Esta foi a tónica de case que todo o encontro. O temporal puidose capear momentáneamente na primeira metade do segundo set. Un par de accións positivas en bloqueo da receptora infantil Emma Ordóñez sumadas a unha xeira de Ana Bugallo desde a liña de saque equilibraban a balanza dun set no que os mesmos problemas padecidos no arranque do encontro volverían a ocasionar o encaixe do parcial para o Ingeniería Trazos. No terceiro xogo non houbo historia. Cos ánimos locais moi tocados as viguesas aproveitaron para volver a bombardear a recepción boirense co saque, sobre todo, dunha das súas receptoras. Deste xeito e antes de visitar ás monfortinas da AD A Pinguela chega a sétima derrota para as de Emilio Palacio en liga galega. Polo Ingeniería Trazos xogaron: Claudia Pinaque, Lea Gatbache, Antía Sampedro, Sara Lojo, Emma Ordóñez, Ana Bugallo e Ángela Alves (líbero). Como reservas estaban as infantís Paula, Marta, Irea e Lía.

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 0-3 XUVENIL TEIS
(18-25, 16-25, 6-25)-(Liga galega xuvenil feminina)

As xuvenís deberán seguir buscando o punto de inflexión
O equipo xuvenil feminino segue sen atopar a senda do bo xogo e volveu a tropezar nesta oitava xornada da Liga Galega Xuvenil Feminina. O verdugo desta volta foi o Xuvenil Teis que cunha gran actuación en servicio neutralizou por completo o xogo de O Secreto. Durante todo o encontro as de Emilio Palacio e Narciso Abalo mostraron moitas dificultades na recepción. A construcción do xogo era a asignatura pendente das locais que unha e outra vez vían como as viguesas materializaban puntos directos tras defensas en segunda liña. Tan só os eventuais ataques da receptora Emma Ordóñez poñían luz a un día de sombras no equipo boirense. Por momentos o orgullo das nosas semellaba que as poñía en rebeldía en contra da súa propia apatía. Tras uns minutos de bo xogo as pantasmas das últimas semanas regresaban á cancha e nada se podía facer para evitar que as viguesas se levasen os dous puntos da vitoria. A vindeira semana agarda a Agrupación Deportiva A Pinguela, rival directo na pelexa da zona media da táboa clasificatoria. Por O Secreto xogaron: Sara Bugallo, Emma Ordóñez, Alejandra Galbán, Katy Sampedro, Melissa Novoa, Ana Bugallo e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Andrea Davila, Antía Sampedro, Sheila Pouso e Isa Gómez.

REYCA BOIRO VOLEIBOL 0-3 XUVENIL TEIS
(17-25, 12-25, 20-25)-(Liga galega infantil masculina)

O Reyca non consigue mostrar o seu potencial
Derrota en tres sets do equipo infantil masculino no que significaba o cuarto tropezo da xornada para os equipos do Boiro Voleibol e o terceiro para os de Adrián Alves nesta liga galega. A falta de movilidade sobre todo na recepción danaba de gravidade as aspiracións de vitoria boirense. Os máis novos da sección masculina vían como o equipo rival, a pesares de non demostrar un gran potencial ofensivo, conseguía puntuabar froito da escasa capacidade de resposta da defensa local. Non todo foron malas sensacións: notouse unha gran melloría no servicio, permitindo ós nosos inquedar por momentos o entramado olívico. A vindeira semana o Reyca viaxará a terras ourensás para medirse ó Burgas Voley nun encontro no que agardamos demostren unha mellor versión e deixando atrás calquera tipo de presión de vitoria. Polo Reyca xogaban: Rubén, Darío, Christopher, Daniel, Gabriel e Jorge. Tamén o fixeron Manu, Álvaro, Pablo e Álex.

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL 3-1 XUVENIL TEIS
(25-23, 25-21, 25-27, 25-14)-(Liga galega xuvenil masculina)

O ataque boirense progresa adecuadamente
A nota positiva do carrusel de encontros entre boirenses e vigueses chegaba da man do equipo xuvenil masculino, que sobrepoñéndose ás múltiples lesións padecidas,  deixaron os dous puntos en xogo en terras barbanzanas. Os de Adrián Alves conseguían doblegar a un sempre combativo Xuvenil Teis nun encontro no que o ataque local volveu a funcionar á perfección. O encontro comezaba cun Trillizos moi serio no bloqueo-defensa, faceta que dispararía ós locais no luminoso durante boa parte do primeiro parcial. Tan só o saber facer en ataque do oposto vigués equilibraría a balanza e achegaría ós seus no final do set. O segundo foi de claro dominio local. A boa recepción e a intelixente construcción por parte de Ismael Martínez foron suficientes para poñerse 2-0 no tanteador xeral. O terceiro parcial foi o máis igualado. En todo momento os ataques se impoñían ás defensas e, como si dunha moeda ó aire se tratase, o parcial podía decantarse para calquera dos dous bandos. No cuarto e derradeiro puidose ver a mellor cara do Trillizos. Dani Sieira, Xian Pérez e Fran Dieste foron as ametralladoras que perforaron o entramado defensivo visitante e, deste xeito, axudaron a sumar unha vitoria máis ó casilleiro dos branquiazuis. Polo Trillizos xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Xian Pérez, Dani Sieira, Óscar Refojo, Lois Vázquez e Abel Sánchez (líbero). Tamén xogou Adrián Gatbache.

REDESYL BOIRO VOLEIBOL 2-3 XUVENIL TEIS
(23-25, 17-25, 26-24, 25-21, 11-15)-(2ª División autonómica masculina)

Reacción tardía do Redesyl que cae no tie-break (11-15)
"Dr. Jekyll e Mr. Hyde". Ese pode ser o titular que resume o encontro realizado polo equipo filial masculino na tarde do sábado. Ó igual que na popular novela, os nosos rapaces mostraron dúas caras moi diferentes. No transcurso dos dous primeiros parciais reinaban as imprecisións. A orde defensiva e a extraordinaria capacidade que demostraron os senior do Xuvenil Teis para non errar encarrilaban un encontro no que o Redesyl non se estaba atopando cómodo. A recepción tampouco era a desexada. O colocador Ismael Martínez víase na obriga, unha e outra vez, de desprazarse moito para tentar construir o xogo local. Con 0-2 no luminoso, e co equipo libre do lastre da presión de vitoria, empezou un novo encontro. A entrada de Fran Dieste no oposto era unha vía de escape para unha recepción que, paulatinamente, melloraba a medida que o reloxo do choque avanzaba. O bloqueo-defensa boirense mellorou de xeito exponencial, ofrecendo múltiples oportunidades de contra que acompañadas do tino do colocador cadete Ismael Martínez desde a liña de saque permitían soñar coa remontada. Chegados ó tie-break a presión volveu a apoucar ó Redesyl. Afogados de novo por unha imprecisa recepción vían os de Adrián Alves como se escapaba o encontro que, a pesar do mal comezo, deixa un punto no municipal de Barraña. Polo Redesyl xogaban: Ismael Martínez, Diego Romero, Xian Pérez, Xavier Sarille, Antón Pérez, Fran Dieste e Adrián Armental (líbero). Como reservas estaban: Andrés Martínez, Miguel Lorenzo, Alén García, Juan Outeiral e Dani Sieira.

xoves, 22 de novembro de 2012

MAÑÁ VENRES, DESFILE DE ROUPA DO BOIRO VOLEIBOL, ¡NON FALTES!

Mañá venres día 23 de novembro ás 21:30h na discoteca Tonos de Boiro non podes faltar ó evento que temos preparado para ti. Os xogadores e xogadoras de tódalas categorías do Boiro Voleibol serán estrelas das pasarelas por un día. Neste desfile os nosos modelos lucirán as mellores galas das tendas da zona do Barbanza que colaboran coa causa tales como Centrosport, Miudos Moda Infantil, Deportes Maniotas, Novedades Matucha, Otzi, Sport Moda ou Moucha. E ti, ¿aínda non conseguiches entrada? Si é así non tes máis que contactar con calquera membro da nosa familia (xogadores/as, directivos/as, adestradores, etc) e facerte con unha pola cantidade de 2€. Para os despistados decir que tamén poderán mercar a entrada no propio recinto momentos antes de entrar na taquilla que se habilitará. Non faltedes, ¡pasarémolo moi ben!

Lois, Dani Sieira e Fran: uns profesionais das pasarelas

mércores, 21 de novembro de 2012

ESTE SÁBADO RECIBIMOS EN BARRAÑA ÓS EQUIPOS DO XUVENIL TEIS DE VIGO:

NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL - XUVENIL TEIS
(10:00h, PM Barraña)-(Liga galega infantil feminina)

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - XUVENIL TEIS
(10:00h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil feminina)

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL - XUVENIL TEIS
(11:30h, PM Barraña)-(Liga galega cadete feminina)

REYCA BOIRO VOLEIBOL - XUVENIL TEIS
(16:00h, PM Barraña)-(Liga galega infantil masculina)

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL - XUVENIL TEIS
(16:00h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil masculina)

REDESYL BOIRO VOLEIBOL - XUVENIL TEIS
(17:30h, PM Barraña)-(2ª División autonómica masculina)

luns, 19 de novembro de 2012

RESULTADOS DA XORNADA, O NÁUTICO VOLTA COS TRES PUNTOS DE MADRID:

VOLEYOURENSE 3-0 NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(25-22, 25-4, 25-13)-(Liga galega infantil feminina)

A recepción boirense non foi a de outros días
Derrota do equipo infantil feminino no seu desprazamento á cidade das burgas para medirse ó Voleyourense na mañá do sábado. O encontro comezaba moi igualado onde ambos equipos tentaban facerse co dominio do mesmo baseando o seu xogo no servicio. As táboas permanecían ata o punto 16 onde as ourensás apretaban os dentes e aproveitaban os erros das nosas en recepción para pechar o parcial ó seu favor cun axustado 25-22. No segundo as boirenses baixaban os brazos. A construcción non existía e nas contadas ocasións que se conseguía o esférico retornaba a campo barbanzano en forma de punto sen que as locais tivesen que arriscar o máis mínimo. No terceiro o servicio do Voleyourense seguía incomodando tremendamente a recepción do Navales Chicolino que botaba de menos os puntos da súa xogadora máis veterana que causaba baixa para este encontro, Emma Ordóñez. Polo Navales Chicolino Boiro Voleibol xogaron: Lea, Irea, Marta, Lía, Laura Olveira e Miriam. Tamén xogaron Laura Piñeiro, Ada, Paula, Vera e Luciana.

VOLEYOURENSE 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-9, 25-19, 25-4)-(Liga galega cadete feminina)

Non todo foron malas novas en Ourense, Ana volveu ás canchas
Partido moi complicado o que se lles presentaba ás de Emilio Palacio nesta visita ás líderes da liga galega cadete na mañá do sábado. As ourensás non sufriron para levar o peso do xogo en case que todo o encontro. Tan só nun treito do segundo parcial o Ingeniería Trazos parecía reaccionar froito da presión que exercía dende os 9 metros o servicio de Ana Bugallo, que volvía ás canchas tralo seu esguince de nocello. A construcción foi a asignatura pendente das boirenses na súa visita ó Paco Paz, convertindo en pesadelo o potente saque das locais e impedindo que a ansiada reacción chegara antes do punto local número 25 no terceiro xogo. Semana de duro traballo se presenta para as cadetes que o vindeiro sábado recibirán a un sempre batallador en categorías inferiores, o Xuvenil Teis de Vigo. Moito ánimo e a traballar. Polo Ingeniería Trazos xogaban: Ana, Emma, Lea, Claudia, Antía, Sara e Irea (líbero). Tamén xogaban Zoila, Lía, Paula e Marta

VOLEYOURENSE 3-0 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(25-11, 25-20, 25-17)-(Liga galega xuvenil feminina)

As xuvenís caen no Paco Paz nun encontro apático pola súa parte
Derrota en tres sets do xuvenil feminino no madrugón do pasado sábado. As sensacións no arranque do choque vislumbraban un duro encontro para as de Emilio Palacio e Narciso Abalo que en ningún momento do primeiro parcial conseguían explotar o seu potencial. A apatía convertíase en continuos erros non forzados deixando en bandexa o triunfo parcial para as de Ourense. No segundo set O Secreto mellorou. A reaparición da receptora Ana Bugallo e o carácter en ataque de Emma Ordóñez aupaba ás boirenses para meterse na pelexa. Como se da chispa dun fósforo se tratase o efecto apenas durou uns intres, tempo insuficiente para que as dúbidas se instaurasen nas do Paco Paz. As malas sensacións persisitían no 3º e as boirenses nada podían facer para evitar a derrota pola vía rápida. Por O Secreto xogaban: Sara, Andrea Davila, Isa, Emma, Katy, Alejandra e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas estaban Sheila Pouso, Claudia, Antía e Ana.

COLLADO VILLALBA 0-3 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(15-25, 18-25, 23-25)-(1ª División nacional masculina)

O Náutico recupera sensacións en terras madrileñas
O Náutico viaxaba a Madrid coa intención de recuperar as boas sensacións no seu xogo tralo tropezo da semana pasada en Valladolid. A empresa non se presentaba nada sinxela. Ó outro lado da rede había un equipo motivadísimo por enfrontarse ó actual campión da categoría. Os villalbinos contaban cun forte poderío físico que tiña no ataque a súa mellor baza e que facía presaxiar unha dura estancia dos nosos no Enrique Blas. Os primeiros compases do choque eran de tanteo mutuo. Os de Emilio Palacio afinaban o servicio e os locais tentaban de impoñer o seu xogo baseándose na contundencia dos seus ataques de banda. Con esta canción se chegaba ó 7-7. Foi aquí onde o Náutico atopou a senda para lograr a vitoria. O servicio branquiazul comezou a danar a recepción madrileña e o traballo en bloqueo-defensa permitía abrir unha ferida que se traducía en cómodas rendas no luminoso. Especial mención tamén merece a construcción dos nosos no día de onte. De sobresaínte se podería calificar a recepción boirense que permitía ó colocador Iván Souto combinar con claridade o seu xogo de ataque e desordear completamente o entramado defensivo de Collado Villalba. O segundo e terceiros parciais foron un calco. Acerto en K2 do Náutico gracias a un extraordinario servicio e puntualidade británica no cambio apoiándose sempre nunha moi boa recepción. Tan só nos últimos puntos do terceiro parcial os locais se achegaban no luminoso aproveitando un baixón na intensidade dos nosos, pero a reacción foi insuficiente e Cristóbal Álvarez pechaba o encontro cun ataque por sorpresa desde zona 6. Polo Náutico xogaba: Iván Souto, Narciso Abalo, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez, Mario Iglesias, Emilio Palacio e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Rubén Taibo, Jesús Vázquez, Antón Pérez, Gustavo Romero e Miguel Vázquez.

mércores, 14 de novembro de 2012

NOVA XORNADA, VIAXES A OURENSE O SÁBADO E A MADRID O DOMINGO:

SÁBADO 17:

VOLEYOURENSE - NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL
(10:00h, Paco Paz)-(Liga galega infantil feminina)

VOLEYOURENSE - O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(10:00h, Paco Paz)-(Liga galega xuvenil feminina)

VOLEYOURENSE - INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(11:30h, Paco Paz)-(Liga galega cadete feminina)

DOMINGO 18:

COLLADO VILLALBA (Madrid) - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(13:00h, PM Enrique Blás)-(1ª División nacional masculina)

martes, 13 de novembro de 2012

LOTERÍA DE NADAL DO BOIRO VOLEIBOL, Nº 98.711

Xa está á venda, por un importe de 5€ cada participación, a lotería de Nadal do Boiro Voleibol. Para conseguila non hai máis que contactar con calquera membro do club (xogadores/as, directivos/as ou adestradores). O 98.711 será o número que unirá as ilusións de tódolos que participedes. O poseedor de cada boleto xoga a cantidade de 4€ ó número anteriormente citado no sorteo da Lotería de Nadal a celebrar o vindeiro 22 de decembro. Ademais, tamén pode ser o gañador dunha cesta típica destas festividades si un dos números que aparecen impresos na parte baixa coincide coas catro últimas cifras do gordo en dito sorteo. Veña xente, non o deixedes pasar ou quedaredes sen ela. ¡Moita sorte!

domingo, 11 de novembro de 2012

RESULTADOS DOS ENCONTROS DO 10 DE NOVEMBRO:

NAVALES CHICOLINO BOIRO VB. 2-3 ESCOLA MUN. OURENSE-DOMPA
(25-11, 23-25, 25-16, 23-25, 11-15)-(Liga galega infantil feminina)

Encontro de ida e volta no PM de Barraña
Emocionante encontro o vivido a mañá do sábado entre dous equipos moi parellos e que demostraron a igualdade que existe nesta edición 2012-2013 da liga galega infantil feminina. Como é normal nos partidos con xogadoras destas idades, a efectividade no servicio xogaría un papel clave no desenlace do mesmo. Boirenses e ourensás alternaban o dominio set a set baseándose nas xeiras que ámbolos dous cadros mostraban desde a liña dos 9 metros. Destacable aportación de Lea Gatbache e Emma Ordóñez nesta faceta, permitindo ó seu equipo pechar con autoridade os xogos no que obtiveron as vitorias parciais (25-11 e 25-16). O traballo feito entre semana de seguro que axudará a desequilibrar a balanza no noso favor na vindeira ocasión. Ánimo. Polo Navales Chicolino xogaron: Miriam, Emma, Lea, Marta Ada, Irea, Luciana, Lía, Laura Olveira, Paula e Laura Piñeiro.


O SECRETO BOIRO VOLEIBOL 3-0 IES AS LAGOAS SAN MARTIÑO DOMPA
(25-13, 25-22, 25-11)-(Liga galega xuvenil feminina)

A boa defensa boirense propiciou moitas opcións de contra
Cuarta vitoria da temporada para as xuvenís do Boiro Voleibol nun encontro tralo cal se colocan nunha das posicións de play-off que dan o dereito de pelexar por ser o mellor equipo da comunidade autónoma. A orde defensiva e o poder no contraataque foi clave para conseguir este triunfo. Baixo unha responsable dirección da man da colocadora Sara Bugallo as boirenses puntuaban unha e outra vez tras mostrar o seu poderío no bloqueo-defensa. Melissa Novoa e a infantil Emma Ordóñez destacaron en facetas ofensivas para axudar ó seu equipo a dominar con claridade un encontro no que en ningún momento as ourensás tiveron posibilidade de meterlle man e facer peligrar os dous puntos da vitoria. A vindeira semana as de Emilio Palacio e Narciso Abalo visitarán a complicada cancha do Voleyourense, rival directo polos postos altos da competición autonómica. Por O Secreto xogaron: Sara Bugallo, Emma, Melissa, Andrea Davila, Alejandra, Katy e Sheila Outeiral (líbero). Tamén xogaron Andrea Barreiro, Sheila Pouso e Sara Lojo

REYCA BOIRO VOLEIBOL 0-3 MANUELA RIAL MOUZO
(19-25, 15-25, 11-25)-(Liga galega infantil masculina)

O Reyca cede ante o líder
Clara derrota dos máis pequenos da sección masculina do Boiro Voleibol ante o líder da liga galega. A pegada dos visitantes foi demasiado para o xovencísimo equipo boirense que, por primeira tempada, compite cos mellores equipos da comunidade e mide forzas con xogadores máis veteranos e con máis horas de práctica. O servicio dos rapaces do colexio Manuela Rial Mouzo marcou as diferencias nun encontro no que os boirenses foron de máis a menos tal e como demostran os parciais. Darío Outeiral, Daniel Olveira, Pablo Nieto e Rubén Martínez volveron a ser os máis destacados dun equipo que, semana a semana, irá mellorando para tentar adaptarse de contado ó nivel desta nova experiencia para eles. A paciencia debe ser a mellor aliada dos de Adrián Alves que agora disfrutarán de dúas semanas para preparar o seu vindeiro encontro ante o Xuvenil Teis de Vigo. Polo Reyca xogaron Darío, Rubén, Daniel, Christopher, Pablo e Gabriel. Tamén xogaron Jorge, Álvaro, Álex e Sergio.

NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL 2-3 MANUELA RIAL MOUZO
(22-25, 25-22, 22-25, 25-18, 11-15)-(Liga galega infantil feminina)

As infantís afílianse ó tie-break
Novo tie-break no que se decidiu un encontro das máis pequenas da sección feminina do Boiro Voleibol. Como sucedeu no choque da mañá, a lotería do 5º set foi favorable para o equipo visitante. Unha vez máis o Navales Chicolino veríase inmerso nunha batalla polo dominio do xogo baseada na presión dende a liña de saque. A alternancia da hexemonía no luminoso era sinónimo de poderío e eficacia no servicio de cada equipo. As de Cee estiveron máis atinadas no desenlace do encontro e non permitiron ás nosas atopar os mellores camiños na construcción do ataque. A vindeira semana viaxarán as de Andrés Martínez á cidade das burgas para medirse ó Voleyourense cun pensamento na cabeza: seguir aprendendo e mudar a dinámica negativa destes últimos encontros. Polo Navales Chicolino xogaron: Emma, Lea, Marta Ada, Celia, Carla, Irea, Luciana, Lía, Laura Olveira, Paula e Laura Piñeiro.

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL 0-3 VOLEIBOL DUMBRÍA
(22-25, 9-25, 17-25)-(Liga galega cadete feminina)

As cadetes siguen aclimatándose á liga galega
Derrota en tres sets do cadete feminino ante un rival directo na pelexa por evitar as últimas posicións da táboa clasificatoria. As de Emilio Palacio, cun equipo repleto de xogadoras en idade infantil, seguen coa súa adaptación particular á nova categoría tras o ascenso do ano pasado. Para este partido o Ingeniería Trazos non podía contar unha vez máis por lesión cun dos seus piares como é a receptora Ana Bugallo. Os erros e desaxustes tácticos propios dun cadro tan novo non puideron facer fronte nun encontro no que o rival demostrou unha maior experiencia para anotarse a vitoria e, deste xeito, empatar coas boirenses no casilleiro de vitorias. Deberán traballar duro as boirenses entre semana xa que o próximo sábado visitarán a cancha do 2º clasificado e un dos grandes favoritos da competición, o Voleyourense. Polo Ingeniería Trazos xogaron: Lea, Marta, Emma, Paula, Antía, Sara e Irea (líbero). Tamén xogaron Lía, Ada e Laura

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL 3-1 VOLEIBOL DUMBRÍA
(25-14, 25-19, 23-25, 25-17)-(Liga galega xuvenil masculina)

O Trillizos entra en zona de play-off
Cómoda vitoria do equipo xuvenil masculino nesta 6ª xornada da liga galega. Os de Adrián Alves sobrepuxéronse ás baixas (Daniel Vázquez e Alfonso Rey) para imporse ó Voleibol Dumbría e auparse deste xeito ó 4º posto da clasificación a pesar de ter disputados dous encontros menos que os dous primeiros clasificados. O dominio boirense demostrábase desde os primeiros compases do choque onde cuns inspirados atacantes de banda o Trillizos impoñía o ritmo de xogo. Tan só no 3º parcial onde os de Dumbría se aproveitaban dos erros non forzados dos locais se perdía o dominio momentáneo da contenda permitindo que o rival acurtase diferencias. A situación foi correxida de inmediato. A concentración volveu á mente dos nosos para pechar o encontro sen máis sufrimentos. Polo Trillizos xogaron: Ismael Martínez, Fran Dieste, Dani Gey, Óscar Refojo, Xian Pérez, Dani Sieira e Abel Sánchez (líbero). Tamén xogaron Lois Vázquez e Adrián Gatbache.

UNIVERSIDADE DE VALLADOLID 3-2 NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(23-25, 29-27, 25-21, 21-25, 16-14)-(1ª Div. Nacional masculina)

O Náutico regresa cun punto a pesar das adversidades
Axustadísima derrota do primeiro equipo masculino no seu desprazamento a terras vallisoletanas. O día non comezaba ben para os de Emilio Palacio. Ás baixas xa coñecidas de Rubén Taibo e Antón Pérez e á participación condicionada do colocador Iván Souto por mor dun esguince de nocello sumábase a ausencia do líbero Adrián Alves, que durante a viaxe sufriu unha indisposición e viuse obrigado a seguir o encontro desde a bancada. Foi un choque moi irregular por parte do Náutico. A alternancia de treitos de bo xogo con outros de ausencia total ocasionaba que o rival aumentara na súa confianza. Esta foi a tónica en case que todo o encontro. Boa xeira dun equipo e réplica instántanea do rival. Deste xeito chegábase ó tie-break, situación que ben se pudo evitar si no segundo parcial os boirenses aproveitaran unha favorable renda que se lles presentou no desenlace do set. O Náutico comezaba mandando no luminoso pero de contado volvían as sensacións de inseguridade e a UVa remontaba para irse ó cambio de campo cun 8-7 favorable. A partires de aquí o encontro convertiuse nunha moeda ó aire. Os locais, que templaron mellor o nerviosismo estiveron máis atinados no treito final e anotáronse unha vitoria que lles permite seguir invictos nesta temporada. Polo Náutico xogaron: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Mario Iglesias, Gustavo Romero, Cristóbal Álvarez e Manuel Pérez (líbero). Como reservas estaban Emilio Palacio, Xavier Sarille e Miguel Vázquez.

xoves, 8 de novembro de 2012

XORNADA CORRESPONDENTE Á PRÓXIMA FIN DE SEMANA (SÁBADO 10):

NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL - ESCOLA MUN. OURENSE-DOMPA
(10:30h, PM Barraña)-(Liga galega infantil feminina)

O SECRETO BOIRO VOLEIBOL - IES AS LAGOAS SAN MARTIÑO DOMPA
(12:00h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil feminina)

REYCA BOIRO VOLEIBOL - MANUELA RIAL MOUZO
(16:00h, PM Barraña)-(Liga galega infantil masculina)

NAVALES CHICOLINO BOIRO VOLEIBOL - MANUELA RIAL MOUZO
(16:00h, PM Barraña)-(Liga galega infantil feminina)

INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL - VOLEIBOL DUMBRÍA
(17:30h, PM Barraña)-(Liga galega cadete feminina)

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL - VOLEIBOL DUMBRÍA
(17:30h, PM Barraña)-(Liga galega xuvenil masculina)

UNIVERSIDADE DE VALLADOLID - NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL
(20:30h, Pavillón Fuente La Mora)-(1ª División nacional masculina)

venres, 2 de novembro de 2012

RESULTADOS DA XORNADA, O NÁUTICO COMEZA O ASALTO Á TRIPLE COROA:

TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL 0-3 CLUB VIGO VOLEIBOL
(15-25, 24-26, 13-25)-(Liga galega xuvenil masculina)

Gran aportación de Lois Vázquez trala lesión de Dani Sieira
Derrota en tres sets do Trillizos nun encontro no que, a pesar do resultado, as sensacións foron por momentos moi boas. Presentábase en Barraña un dos grandes favoritos para acadar o título autonómico xuvenil como é o Club Vigo Voleibol. Os olívicos, no comezo do encontro, alimentábanse dos erros en servicio dos boirenses que, trala lesión do seu capitán e receptor Dani Sieira no terceiro punto do choque, mostraban unha cara insegura e falta de confianza. Tralo descanso puidemos ver a mellor cara dos nosos. Baseándose nun ordeado bloqueo-defensa os boirenses situábanse durante todo o set por diante no luminoso cunha ampla vantaxe (15-9, 22-17). Cuns inspirados en ataque Lois Vázquez, Xián Pérez e Fran Dieste a vitoria parcial parecía moi preto chegado o desenlace do set no que se tiveron ata 3 oportunidades de triunfo parcial. O saber facer dos vigueses dende a liña de saque e o nerviosismo dos nosos impediron que o empate chegase ó Municipal de Barraña. No terceiro e derradeiro o Trillizos baixou os brazos. Encaixar a derrota nun set que se tiña moi ben encamiñado foi demasiado. Os vigueses mostraron que son un gran equipo e cun excelente servicio impedían a reacción local. Polo Trillizos xogaba: Ismael, Fran, Xian, Dani Sieira, Alfonso, Óscar e Abel (líbero). Como reservas estaban Dani Vázquez, Lois, Dani Gey e Naji. Desexámoslle unha pronta recuperación a Dani Sieira. Todos agardamos que volva co equipo de contado.


STA. Mª DEL MAR 2-3 REYCA BOIRO VOLEIBOL
(25-23, 20-25, 23-25, 25-16, 10-15)-(Liga galega infantil masculina)

Os infantís conseguen a súa primeira vitoria da tempada
O viaxe á Coruña e o madrugón do sábado deixaba a estrea no casilleiro de vitorias da xeración máis nova da sección masculina do club neste seu primeiro ano en competición oficial. Foi un encontro de ida e volta, onde a constancia no servizo permitía a ámbolos dous equipos ir alternando o dominio entre set e set. O saber facer dos nosos pequenos no tie-break permitía levar cara a Boiro os dous puntos da vitoria. O Reyca demostrou un aumento na súa madurez defensiva, sendo capaces de adaptar o seu esquema á lucidez do equipo contrario para atacar balóns de dedos, en moitos casos por sorpresa ó segundo toque. Cabe destacar a aportación dende a liña de saque de Rubén Martínez, axudando ó seu equipo a pechar o primeiro triunfo da tempada e demostrando que estamos ante unha gran fornada de xogadores. Polo Reyca xogaban: Rubén Martínez, Darío Outeiral, Daniel Olveira, Gabriel Seijas, Christopher Rodríguez e Pablo Nieto.

BIG MAT SUEIRAS SAN SADURNIÑO 3-0 TRILLIZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-19, 25-13, 25-12)-(Liga galega xuvenil masculina)

As lesións, protagonistas na fin de semana do Trillizos
Improductiva visita do equipo xuvenil masculino a terras ferrolanas para enfrontarse a un dos favoritos na súa competición. O Trillizos en ningún momento conseguíu tomarlle o pulso ó encontro. Os de San Sadurniño, que dende a liña dos 9 metros impedían a construcción do xogo boirense, anotábanse plácidamente un encontro no que os nosos seguían incorporando efectivos á enfermería do club. Á baixa coñecida de Dani Sieira, sumábanse tamén as do colocador Daniel Vázquez e a do central Alfonso Rey que na mañá de sábado sufrían sendos esguinces de nocello. As circunstancias que rodeaban ó encontro e o xogo do rival eran demasiado para os xuvenís que deberán seguir traballando para achegarse ós mellores da competición. Polo Trillizos xogaban: Ismael Martínez, Fran Dieste, Alfonso Rey, Óscar Refojo, Xian Pérez, Lois Vázquez e Abel Sánchez (líbero). Tamén xogaron Daniel Vázquez, Dani Gey e Adrián Gatbache.

LANCER ZENALE SAN SADURNIÑO 3-1 REDESYL BOIRO VOLEIBOL
(25-13, 25-21, 22-25, 25-17)-(2ª Div. Autonómica masculina)

Xavier Sarille exerceu de líder para os máis novos
Derrota do filial masculino na súa visita a unha cancha complicada como sempre é o Municipal de San Sadurniño. Comezaba o encontro cos locais moi ordeados en defensa e convertindo en punto cada opción de contraataque que se lles presentaba. O bloqueo boirense era incapaz de deter ós xogadores de banda ferrolanos que unha e outra vez enviaban o esférico ó chan. A situación mermaba anímicamente ó Redesyl pero no descanso a cara dos nosos mudou. Remolcados por un inspirado Xavier Sarille, os boirenses encontraron o rumbo que debían seguir para poder plantar cara ó que seguramente sexa o mellor equipo da categoría. Baixo a dirección do colocador cadete Ismael Martínez os boirenses pelexaban ata o tramo final o segundo xogo no que a defensa local salvagardaba a vitoria parcial para os seus. No terceiro puidose ver a mellor versión dos nosos. Antón Pérez afinaba o bloqueo branquiazul e os atacantes de banda barbanzanos conseguían facer dano ós de Eloy Mahía. Tras dominar con claridade todo o xogo os de San Sadurniño achegábanse  finalmente no luminoso para rematar con 22 puntos no seu casilleiro. As sensacións persistían no 4º. Alternativa para un e outro bando que se vería quebrada de novo pola excelente capacidade defensiva dos locais e o seu posterior repertorio de réplica abrindo o bloqueo do noso filial. Polo Redesyl xogaban: Ismael Martínez, Diego Romero, Miguel Lorenzo, Antón Pérez, Alén García, Xavier Sarille e Adrián Armental (líbero). Tamén o facían Xian Pérez, Juan "Mande", Fran Dieste e Óscar Refojo

ZALAETA 3-0 INGENIERÍA TRAZOS BOIRO VOLEIBOL
(25-12, 25-9, 25-15)-(Liga galega cadete feminina)

As infantís Irea, Marta, Emma, Lea e Paula titulares coas cadetes
Complicadísima saída a que afrontaba o noso equipo cadete feminino á cidade herculina para medirse ó Zalaeta ás 12:30h. do sábado. Á calidade do rival sumábase a lista de baixas coas que Emilio Palacio debía afrontar o encontro. Cinco eran as xogadoras en idade infantil que formaban de inicio co Ingeniería Trazos e que debían suplir ausencias tan destacadas como as da receptora Ana Bugallo ou a da central Antía Sampedro. Dende o comezo do encontro xa non houbo historia. O potente servizo coruñés impedía a construcción das nosas que, malia non ter opcións de triunfo, plantaron cara tendo en conta a extrema xuventude boirense sobre a cancha. Non queda outra opción que a paciencia e o traballo. Co paso dos das semanas os preparadores irán recuperando efectivos e de seguro que os resultados volverán a acompañar. Moito ánimo rapazas. Polo Ingeniería Trazos Boiro Voleibol xogou: Emma, Lea, Paula, Marta, Sara, Claudia e Irea (líbero).

ZALAETA 3-0 O SECRETO BOIRO VOLEIBOL
(25-12, 25-7, 25-9)-(Liga galega xuvenil feminina)

O Secreto non puido facer fronte a unha das favoritas
Clara derrota a que encaixou no Instituto de Zalaeta o xuvenil feminino. A superioridade do rival quedou patente dende os primeiros compases do encontro onde a recepción de O Secreto non era quen de dar resposta ó excelente saque herculino. A maior experiencia e saber facer das de Jorge Barrero sería suficiente para levarse pola vía rápida un encontro no que as nosas pouco podían facer para poder traer boas novas. Co saque as nosas tampouco conseguían danar o xogo das locais, que deixaban en mans das súas centrais os puntos máis espectaculares da xornada. A mediciña para curar esta ferida semella ser similar á recetada con anterioridade para o equipo cadete: unha boa dose de traballo e paciencia para ir recuperando ás compañeiras mancadas. Por O Secreto xogaban: Sara Bugallo, Emma, Melissa, Alejandra, Isa, Katy e Sheila Outeiral (líbero). Como reservas estaban Sheila Pouso, Andrea, Claudia e Sara Lojo.


NÁUTICO BOIRO VOLEIBOL 3-0 C.U.V. ALCORCÓN
(25-21, 25-13, 25-13)-(1ª Div. Nacional masculina)

Mario Iglesias ataca un balón ante o boqueo madrileño
Inmellorable inicio de liga para o noso primeiro equipo na tarde do sábado ante os madrileños do CUV Alcorcón. Dende o comezo do choque xa deixaba claro o Náutico que o rival tería que estar moi atinado para poder levarse de Rianxo un resultado positivo. Un parcial de 6-0 gracias á mestría do colocador boirense Iván Souto dende a liña de saque, daba o pistoletazo de saída á carreira dos bicampións da 1ª Nacional nesta 2012-2013. Durante todo o encontro a presión do servizo branquiazul facía efectivo un dos puntos fortes dos nosos, o contraataque. Tan só na segunda metade do primeiro set os madrileños conseguían reducir distancias no luminoso aproveitando os erros cometidos polos locais. No segundo xogo os de Emilio Palacio recuperaban a concentración do inicio do partido. Especial mención merece a capacidade do Náutico no complexo bloqueo-defensa, aspecto que, impulsado por un excelente servicio, eleva á máxima potencia o porcentaxe de acerto dos nosos neste campo. No terceiro e derradeiro o panorama era similar. Non se conformaban os boirenses co mostrado minutos antes e cerraban o encontro intentando manter unha intensidade que lles permita seguir crecendo no seu xogo. Estes primeiros 3 puntos alzan ó Náutico ó liderato da 1ª División nacional masculina, feito que malia ser virtual por ter pasado tan só unha xornada, leva a ledicia ó club nestes tempos de exilio rianxeiro. Polo Náutico xogaban: Iván Souto, Narciso Abalo, Jesús Vázquez, Mario Iglesias, Cristóbal Álvarez, Manuel Pérez e Adrián Alves (líbero). Como reservas estaban Rubén Taibo, Gustavo Romero, Antón Pérez, Emilio Palacio e o xuvenil Fran Dieste.