venres, 28 de agosto de 2015

PABLO NIETO, PARTE DA CONCENTRACIÓN PERMANENTE DA SELECCIÓN ESPAÑOLA:

Pablo, co bronce en Almería
Xa é oficial. Pablo Nieto formará desde setembro parte da concentración permanente da selección española xuvenil, seguindo deste xeito os pasos dos tamén boirenses Pablo Bugallo ou Enma Ordóñez. O cadete, formado nos equipos base do Boiro Voleibol, cambia Boiro por Palencia e poñerase ás ordes do seleccionador nacional Benjamín Vicedo coa intención de formarse e poder representar a España en vindeiras citas internacionais. Atrás quedan grandes momentos xunto cos seus compañeiros do JEALSA e un palmarés envexable a pesar da súa corta idade: campión galego infantil 2014 no play-off celebrado en Boiro, medalla de bronce no Campionato de España Infantil 2014 en Almería, medalla de bronce no Campionato de España por autonomías 2014 coa selección galega infantil en Valladolid, medalla de bronce no Campionato de España sub-15 de volei praia en Dumbría (ano 2013), campión de España sub-15 de volei praia en 2014 na praia de Barraña ou a recente convocatoria coa selección española sub-17 para o torneo internacional do WEVZA. De seguro que estes méritos non serán o último servizo de Pablo ó Boiro Voleibol, agardamos verche axiña pola Cachada vestido de branco e azul ou nun Campionato de España pelexando cos teus compañeiros de sempre para chegar ó máis alto. En nome de toda a familia do Boiro Voleibol...
¡Forza Pablo!